Hoxe deixámosvos un breve vídeo dalgúns dos e das máis pequerrechas que estudan galego en Londres aprendendo a botar as sortes. Son nenas e nenos de 6-7 anos, a nosa alegría.
Fala Londres
22/05/2013
Sobre a Fundación Bill Gates, en galego, en Londres
Hoxe 22 de maio teremos a ocaisón de achegarnos aos proxectos da Fundación Bill and Melina Gates grazas á xenerosidade de Miguel Castro.Este galego, instalado en Londres, axuda a xestionar un programa de relacions con medios de comunicacion a
nivel mundial. Amais desenvolve, xestiona e financia relacións
duradeiras con medios de comunicacion para impulsar a cobertura de
asuntos de desenvolvemento, redución da pobreza ou saúde global.
E velaí a microentrevista de Sylvia
E velaí a microentrevista de Sylvia
18/05/2013
Recital improvisado da comunidade galega en Londres
Onte 17 de maio un grupo moi numeroso da comunidade galega en Londres acudiu á xuntanza proposta polo grupo facebook Galegos morriñentos en Londres para celebrar as Letras Galegas. E unha das iniciativas que se levou a cabo foi este recital poético na Portobello Launderette situada na praza onde foramos convocados. Este vídeo é só unha pequena mostra do que foi un recital moito máis amplo.
17/05/2013
17 de maio: en Londres con Rosalía
Outro 17 de maio en Londres. De novo as Letras Galegas en Londres. E desta volta, entre outras actividades, asistiremos a unha conferencia de Diego Pardo sobre a escritora padronesa da cal este ano se cumpre o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (1863), o primeiro libro escrito integramente en galego. Diego Pardo, profesor de galego do Queen's College de Oxford é un dos especialistas na obra rosaliana. Doutor pola UDC podemos ler as súas reflexións, entre outros, en Rosalía de Castro. A luz da ousadía (Laiovento 2009) ou Rosalía e Murguía na procura da patria soñada (Lóstrego 2010). Entón estamos seguros de que imos aprender moito.
"Bolañeando" coa cativada londinense
Esta semana coa rapazada de Primaria estivemos achegándonos un pouquiño á figura de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Ao final acabamos "bolañeando", isto é, divertíndonos un pouco con fragmentos da súa obra. Aquí tedes unha mostra:
15/05/2013
Encontro coa pianista Marta López en Londres, en galego
Mañá despedimos practicamente ao alumnado de 2ºBach despois de case dous anos marabillosos. E coñecendo as súas inquedanzas musicais, a modo de agasallo de despedida teremos a oportunidade de escoitar a unha pianista de excepción, a compostelá Marta López. Formada inicialmente no Conservatorio Superior de A Coruña, leva un tempo instalada nesta cidade onde completou os seus estudos na prestixiosa Guildhall School. Daquela, un gran remate para dous anos inesquecibles ensinando Galicia en Londres a estas mozas e mozos.10/05/2013
Visita do IES Xulián Magariños de Negreira
Hoxe tivemos a visira do alumnadod e 3ESO da sección bilingüe do IES Xulián Magariños de Negreira. Estiveron na aula co noso alumnado que estuda galego en 3ESO comentando as súas experiencias, os seus gustos e usando como linguas vehiculares o galego e o inglés. Unha experiencia moi satisfactoria.
02/05/2013
Botando as sortes en Londres
Hoxe no claustro do covento de dominicas, agora IE Cañada Blanch, a rapazada de segundo ciclo de Primaria aprendeu a botar a sortes en galego antes de botar un partido co pano. E isto foi posible grazas ao traballo de recollida que se está facendo en A orella pendella.
Un saxo galego en Londres: José Bernárdez en concerto.
Mañá 3 de maio o IE Cañada Blanch de Londres pechará a súa semana cultural cunha actividade argallada pola área de galego: un concerto do grupo de saxos The Cube Saxophone Quartet a fronte do cal está o músico estradense José Bernárdez, profesor amais formado na Royal academy of Music. Para mañá proponnos unha especie de concerto didáctico de música americana do século XX: Duke Ellington, Miles Davis, Charlie Parker, Chick Corea ou Jaco Pastorious. E a parte didáctica, en galego, claro está.
E agora un fragmento da actuación diante dun auditorio ateigado.Un luxazo
30/04/2013
As pedras tamén falan galego en Londres
Mañá o alumnado de 3ESO de galego do Cañada Blanch recibirá a un historiador da USC cun máster en arqueloxía e prehistoria, Jorgen Meilán. Nesta ocasión falaranos sobre a lingua das pedras, ese conxunto de sinais que os nosos devanceiros deixaron gravados nas pedras de Campo Lameiro, de Mogor ou de Agolada. Daquela magnífica ocasión para coñecérmonos un pouco mellor.E agora a microentrevista de Alejandro:
29/04/2013
De festas polo mundo: un exemplo de multiculturalidade nas aulas de galego
O alumnado que estuda galego en Londres en 2ESO ten orixes moi diversas. Aproveitando esta circunstancia, aquí os tedes falando dalgunhas festas e celebracións dos seus lugares de procedencia. Queredes saber como é unha voda en Galicia, en Chipre ou en Marrocos? Acaso o entroido en Colombia ou nas Canarias? Ou a festa do globo de Betanzos? Pois nada, escoitádeos e aprenderedes moito, tanto coma nós.
24/04/2013
Falando cunha médica anestesista en Londres, en galego
Mañá o alumnado de Bach de galego do Cañada Blanch recibe nas aulas a unha doutora do hospital Addenbrooke de Cambridge, a ceense Carmen López Soto. Formada en Galicia, na actualidade traballa como anestesista no devandito hospital. Baixo o título "Soños da fin da Terra" escoitarémola falar sobre esa viaxe baixo os efectos da anestesia. Que facemos nese momento? Como nos durmimos? Como espertamos? Agardamos aprender moito mañá
E agora a microentrevista de Eli:
E agora a microentrevista de Eli:
16/04/2013
O futuro da nosa arquitectura, en Londres, en galego

Mañá 17 de abril a arquitecta galega Luz Paz Agras, afincanda en Londres, estará co alumnado de 3ESO que estuda galego no IE Cañada Blanch para falarnos sobre o presente e o futuro da arquitectura galega. Sen dúbida, unha boa oportunidade para escoitar a unha especialista que acaba de defender hai uns meses a súa tese de doutoramento na UDC titulada "Espacio expositivo contemporáneo, 1923-1942. Interacción entre arte y arquitectura".
E agora a microentrevista de Paula C.Dende o Imperial College, ciencia en galego

Mañá 17 de abril o alumnado de galego do IE Cañada Blanch de Londres terá a sorte de escoitar é investigadora galega do Imperial College Olivia Fandiño. Formada en Ciencias Física na USC na actualidade traballa como investigadora no departamento de Enxeñería Química do Imperial College de Londres no campo da termodinámica. Daquela boa oportunidade para achegarnos á ciencia en galego en Londres.
E agora a microentrevista de Irene
27/03/2013
Concurso literario da rapazada londiniense: que texto é o mellor?
Parte de alumnado de galego de Secundaria e Bach do IE Cañada Blanch de Londres presentou un texto para o concurso literario en lingua galega que organiza este centro á vez que noutras linguas. Queremos que nos botedes un man e que nos enviedes as vosas suxestións sobre cal deles vos parecen mercentes de seren finalistas.
21/03/2013
Poesía galega dende Londres no Día Mundial da Poesía
Hoxe 21 de marzo e cunhas horas de primavera celébrase o Día Internacional da Poesía. Nunha das aulas de Primaria do IE Cañada Blanch de Londres, parte do alumnado puxo os lentes de falar galego e lanzouse a ler uns poemas mentres as compañeiras e compañeiros os ían gravando. Agardamos que vos gusten:
18/03/2013
Lendo Minimaladas en Londres
Hoxe na aula de galego de Primaria do IE Cañada Blanch de Londres o alumnado máis pequecho enfrontouse á lectura das Minimaladas de C. López e David Pintor. Agardamos que estas súas primeiras lecturas en galego sexa coma un vermiño que vai engordando aos poucos. Aquí tedes a futuras e futuros lectores de galego en Londres.
17/03/2013
Deseñando en Londres, en galego
Mañá na aulas de 2ESO recibiremos a un xove deseñador gráfico galego afincado en Londres, Alberto Cribeiro. Falaranos do paso dende os seus estudos de Comunicación audiovisual na USC ata o deseño gráfico, da súa experiencia en Londres e coñeceremos o seu traballo. E tal vez, tamén coñezamos algo dunha nova inciativa cultural, de orixe galega, que vai botar andar na capital do Támesis, Brit.es. E despois de estar connosco, a microentrevista:
07/03/2013
Rosalía de Castro e Arcade Games
Hoxe na aula de galego de Primaria traballamos un pouco coa bio-bibliografía de Rosalía de Castro e con xogos Arcade. O resultado podedes velo aquí:
O xogo de Brian e Daniela;
O xogo de Danie e Samu
O xogo de Marinueva e Daniella
O xogo de Lucas e Daniel
O xogo de Sebas e Harvey
E como mostra o de Juan e Andrea
O xogo de Brian e Daniela;
O xogo de Danie e Samu
O xogo de Marinueva e Daniella
O xogo de Lucas e Daniel
O xogo de Sebas e Harvey
E como mostra o de Juan e Andrea
03/03/2013
De amigos, dos falsos.
Mañá o alumnado de 1º e 2º da ESO terá unha visita filolóxica. Estará na aula Gise Tomé, filóloga inglesa da UDC que, nos últimos dous anos estivo a realizar un mestrado de Fonética na UCL. Desta volta imos ver que cantidade de falsos amigos comeza a recoñecer o noso alumnado, polo menos o que atenda, perdón, asista, mañá ás aulas. 28/02/2013
Unha de clásicos: Os tres porquiños de Dani (11 anos)
Hai un tempo presentámosvos na nosa sección de clásicos, a versión de Os sete cabritiños de Brian. Hoxe tócanos outra: a de Os tres porquiños de Dani (11 anos). Abride ben as orellas e sorride ante este raio de esperanza londiniense:
27/02/2013
Dende a City ata o instituto, en galego
Mañá o alumnado de Bach recibirá a un coruñés habituado ás rúas e aos edificios finaceiros da City londininese: Iago Muíños. De formación matemático e enxeñeiro de camiños traballa na actualidade nun posto relevante na banca de inversións, en RBS, despois de pasar por Barclays ou ABN AMRO. Daquela teremos unha magnífica oportunidade de saber máis de temas económicos actuais. O título proposto é xa suxerente de seu: Que (demo) é a Economía?
26/02/2013
Premios Cañada Blanch 2012
Permitídenos fachendear un pouco. Hoxe na
entrega dos premios Cañada Blanch 2012 ao mérito académico, esforzo e
compañeirismo houbo moitas distincións para o noso alumnado: Lorena,
Antonio, Tania, Vanesa, Oliva, Ian, Sonia, Paula e Lorenzo.
E, aquí tedes a Antonio e Tania, recitando a Celso Emilio no acto.
(desculpade a calidade do vídeo). Parabéns rapazas. Parabéns rapaces.
25/02/2013
Adiós ríos, adiós fontes, outra versión musical dende Londres
Hoxe presentámosvos unha nova versión do poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía de Castro na voz e coas mans ao piano da alumna Julia Martínez, estudante de galego de 2º Bach en no IE Cañada Blanch de Londres:
12/02/2013
A fotografía en Galicia, dende Londres, en galego
Mañá 13 de febreiro, e antes de irnos de half term, o alumnado de galego de 3ºESO do Cañada Blanch de Londres recibirá nas súas aulas a Andrés Rodríguez Morado. Instalado xa hai un tempiño en Londres onde traballa no eido xa xestión cultural, falaranos dunha da súas paixóns: a fotografía, neste caso, facendo un percorrido pola historia da foto en Galicia. E amais haberemos de ter oportunidade de que nos presente a súa colaboración para o xornal Praza Pública a través do blogue Emprazarte que el propio xestiona.
E a microentrevista:
E a microentrevista:
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







